PASCUA DE RESURRECCIÓN - A

Xn 20, 1-9


No día primeiro da semana María a Madalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles: «Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron».

Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.

Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.

 

COMENTARIO

Hoxe celebramos a Resurrección de Xesús, lembramos aquel día no que os seguidores máis fieis de Xesús experimentan que Xesús, o Mestre, a quen seguiran uns dous o tres anos e morrera, agora vive entre eles.  

Sen dúbida que san Paulo cando se dirixe aos colosenses se decatou do seu empeño para procurarse o sustento de cada día. Na sociedade moderna e no noso mundo occidental, talvez esta preocupación non sexa tan perentoria como nos tempos de san Paulo; hoxe talvez preocúpanos máis a diversión, gozar unhas vacacións, a compañía dos amigos… Con todo, son moitos os que aínda viven o día a día, buscando un traballo, alimento, ou sinxelamente unha vida humana un pouco digna.

Pois ben, san Paulo hoxe diríxenos tamén a palabra a nós. Así como dedicamos todas as nosas enerxías a alcanzar o que necesitamos ou máis nos agrada nesta terra, do mesmo xeito, habemos de dedicar a nosa intelixencia e vontade a conseguir o que máis importa: os bens do ceo. Quen morre e resucita a unha nova vida con Cristo polo bautismo ha de poñer o seu empeño en vivir acorde con esa nova vida.

Os crentes estamos chamados a vivir cara á vida gloriosa que nos agarda. Para iso habemos de nos procurar con empeño o alimento que sacie a nosa fame e sede desa vida eterna prometida.

Ata aquí é fácil de comprender a san Paulo. Con todo, como entón aos colosenses, tamén hoxe a nós, acontécenos que non sentimos esa fame nin esa sede de vida eterna. A vida gloriosa que nos agarda, segundo Paulo, imaxinámola afastada, talvez nin sequera soñamos con ela ou nin vémola alcanzable.

Nestes cincuenta días de pascua habemos de pedir ao Resucitado que avive a débil chama da nosa fe. Esteamos seguros que se acudimos a el como Marta, a irmá de María e Lázaro, el vainos a responder: Non che dixen que se cres verás a gloria de Deus (Xn 11, 40). O mesmo Xesús Resucitado daranos ánimos para lle responder como Marta: Si, Señor, eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus vivo (Xn 11, 27).

As dificultades que tiveron os primeiros cristiáns en crer e sentir a Xesús vivo no medio deles non eran menores que as que podemos ter hoxe nós. O libro dos Feitos dos apóstolos, que nos conta os primeiros tempos do cristianismo, reflicte moi ben este problema. No relato que escoitamos hoxe, Pedro trata de convencer aos seus oíntes citando os textos dos antigos profetas que falaron deste Xesús como o Mesías esperado ao que agora Deus resucitou.

Ao amencer do primeiro día da semana, o domingo, María Magdalena, Pedro e Xoán van ao sepulcro e atópano baleiro. Viron e creron –afirma san Xoán no seu evanxeo–, pois ata entón non entenderan as Escrituras.

A partir dese momento, dan testemuño de Cristo resucitado, que vive no medio deles. Moitos daqueles crentes deron a súa vida primeiro que renunciar á súa fe. Hoxe seguimos contemplando a moitos crentes que están a morrer por mor da súa fe.

Nesta Pascua de Resurrección pidamos ao Señor Resucitado que avive nosa débil fe e que a eucaristía sexa o alimento que a fortaleza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario