Xn 20, 1-9
No día primeiro da semana María a Madalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles: «Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron».
Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó
sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca
Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.
Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non
entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu
os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba
cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro
discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.
COMENTARIO
Hoxe celebramos a Resurrección de Xesús, lembramos
aquel día no que os seguidores máis fieis de Xesús experimentan que Xesús, o
Mestre, a quen seguiran uns dous o tres anos e morrera, agora vive entre
eles.
Sen dúbida que san Paulo cando se dirixe aos
colosenses se decatou do seu empeño para procurarse o sustento de cada día. Na
sociedade moderna e no noso mundo occidental, talvez esta preocupación non sexa
tan perentoria como nos tempos de san Paulo; hoxe talvez preocúpanos máis a
diversión, gozar unhas vacacións, a compañía dos amigos… Con todo, son moitos
os que aínda viven o día a día, buscando un traballo, alimento, ou sinxelamente
unha vida humana un pouco digna.
Pois ben, san Paulo hoxe diríxenos tamén a palabra a
nós. Así como dedicamos todas as nosas enerxías a alcanzar o que necesitamos ou
máis nos agrada nesta terra, do mesmo xeito, habemos de dedicar a nosa
intelixencia e vontade a conseguir o que máis importa: os bens do ceo. Quen
morre e resucita a unha nova vida con Cristo polo bautismo ha de poñer o seu
empeño en vivir acorde con esa nova vida.
Os crentes estamos chamados a vivir cara á vida
gloriosa que nos agarda. Para iso habemos de nos procurar con empeño o alimento
que sacie a nosa fame e sede desa vida eterna prometida.
Ata aquí é fácil de comprender a san Paulo. Con todo,
como entón aos colosenses, tamén hoxe a nós, acontécenos que non sentimos esa
fame nin esa sede de vida eterna. A vida gloriosa que nos agarda, segundo
Paulo, imaxinámola afastada, talvez nin sequera soñamos con ela ou nin vémola
alcanzable.
Nestes cincuenta días de pascua habemos de pedir ao
Resucitado que avive a débil chama da nosa fe. Esteamos seguros que se acudimos
a el como Marta, a irmá de María e Lázaro, el vainos a responder: Non che
dixen que se cres verás a gloria de Deus (Xn 11, 40). O mesmo Xesús
Resucitado daranos ánimos para lle responder como Marta: Si, Señor, eu creo
que ti es o Cristo, o Fillo de Deus vivo (Xn 11, 27).
As dificultades que tiveron os primeiros cristiáns en
crer e sentir a Xesús vivo no medio deles non eran menores que as que podemos
ter hoxe nós. O libro dos Feitos dos apóstolos, que nos conta os primeiros
tempos do cristianismo, reflicte moi ben este problema. No relato que
escoitamos hoxe, Pedro trata de convencer aos seus oíntes citando os textos dos
antigos profetas que falaron deste Xesús como o Mesías esperado ao que agora
Deus resucitou.
Ao amencer do primeiro día da semana, o domingo, María
Magdalena, Pedro e Xoán van ao sepulcro e atópano baleiro. Viron e creron
–afirma san Xoán no seu evanxeo–, pois ata entón non entenderan as
Escrituras.
A partir dese momento, dan testemuño de Cristo
resucitado, que vive no medio deles. Moitos daqueles crentes deron a súa vida
primeiro que renunciar á súa fe. Hoxe seguimos contemplando a moitos crentes
que están a morrer por mor da súa fe.
Nesta Pascua de Resurrección pidamos ao Señor
Resucitado que avive nosa débil fe e que a eucaristía sexa o alimento que a
fortaleza.

No hay comentarios:
Publicar un comentario